O primeiro vampiro literario foi unha muller: Carmilla. Escrita polo irlandés Joseph Sheridan Le Fanu en 1872 -un cuarto de século antes de "Drácula" de Bram Stoker-, "Carmilla" foi unha obra valente e singular. Protagonizada por dúas mulleres novas, unha vampira e a moza que seduce, a historia instaurou a estrutura do xénero vampírico que o propio Stoker seguiu e que triunfou durante décadas.
"Adeline" é unha homenaxe a Carmilla, a primeira e fascinante vampira que se presentou ao mundo hai máis de século e medio. Pero "Adeline" sucede na actualidade co regreso ao pazo familiar en Verín dunha estudante de Xornalismo agoniada por un estraño don que posúe. A aparición dunha misteriosa viaxeira desata acontecementos insólitos.
E é que o Universo é moito máis inmenso do que percibimos e os seres ocultos están e estiveron sempre entre nós.