Empatizarías con alguén que humilla o teu sangue? Ata onde serías capaz de chegar para defender o que máis queres?
Para David Ledesma, que soña con ser un escritor de éxito de novela negra, un disparo ridículo nunha perna é o colofón da súa vida con Belén e o comezo dunha relación tráxica con María. A partir de aquí, o protagonista mergúllase nunha trama onde a violencia, a maldade e o amor entretecen un relato de vinganza.
Diego Giráldez compón un gran tapiz que nace da intimidade dun corazón desafiuzado que loita por recompoñerse. O meu sangue é unha intriga que nos arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.